Temido, fero,
endiañado e fío co que se teceu parte da mitoloxía do país e centos de contos e
cantigas populares. O lobo non escapa á arquitectura nin á arte románica. É tan
malvado como nolo pintaron? Realmente corre perigo? Cal é a súa situación
demográfica? Mergullámonos nun mundo ateigado de estigmas no Sermos Galiza 240.
Eis un extracto da reportaxe.
“O fascinio fará que a persoa que se acha diante
del caia no arrepío e no embarazamento. Polo arrepío o humano sente que se lle
arreitan os pelos do seu corpo e co embarazamento, a perda da palabra ou o
tatexo (…)”. En Mitoloxía de Galiza (Editorial Galaxia), Víctor Vaqueiro
recolle lendas que teñen como protagonista o lobo, mais tamén o lobo da xente,
o lobicán ou o lobishome. Desde os contos de Ánxel Fole, pasando pola
arquitectura deseñada para a súa caza, os foxos, e representado comendo ovellas
en capiteis de igrexas románicas, o lobo é un dos animais con maior presenza na
nosa cultura. Sobre el téñense forxado innumerábeis falacias, como a súa
perigosidade para o ser humano. As máis recentes teñen a ver co aumento de
cabezas.
O biólogo Martiño Nercellas, vogal de Biodiversidade de Adega, apela a desmontar a percepción “desvirtuada” que existe arredor do lobo nun momento en que se dá “un fluxo de información pouco contrastado e carente de rigor”. En declaracións a Sermos Galiza, advirte do efecto das redes sociais, que contribúen a crear “falsos presupostos”. Esta información, que acaba por saltar aos grandes medios de comunicación, supón unha dificultade á hora de deseñar propostas de actuación e deriva “nun incremento da tensión e, polo tanto, da conflitividade social”. Á súa vez, engade o experto, “acaba condicionando o labor da Administración”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.